¿Pódese plantear o hipertexto como unha nova modalidade discursiva?
Estaría no medio entre unha modalidade discursiva e un xénero literario. O hipertexto é un formato físico e unha forma de narración maiormente, caracterizado por moitos factores onde a importancia do lector/autor é a máxima revolución que permite este formato. O xénero literario hipertextual clásico ten a súa base na intertextualidade e co desenrolo de internet, a interactividade revoluciona a forma das historias porque a retroalimentación é case inmediata e a difusión da figura do autor.
Na parte discursiva e literaria conflúe unha idea pouco tratada. Na crítica canónica establécese que o texto ou a obra literaria morre co autor, pero no caso dunha obra hipertextual a obra é un ser vivo alimentado coma se “A historia interminable” fora, por toda a xente que a lee e que participa nela, porque se a literatura “clásica” esixe un pequeno esforzo mental de reconstrucción subxectiva de sensacións, accións e imaxes, a hipertextual invita a crealas e a plasmalas participando na obra nunha forma directa (escribindo no espacio dedicado á obra) ou indirecta (aportando ideas nos foros ou nun caso privilexiado, falando co autor).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
É moi interesante o que prantexas. Establecer unha "categoría" na que encasillar o hipertexto vólvese certamente unha operación difícil, precisamente porque a inherente e radical heteroxeneidade dos seus compoñentes fai moi difícil establecer parámetros categóricos.
É algo así como buscar patróns repetitivos nun corpus infindamente singulativo e diverso, o cal resulta unha operación moi complexa. Case que cada obra hipertextual establece unha categoría de seu.
Estou de acordo en que o hipertexto é eminentemente unha operación formal, pero é evidente que ten esa operación non queda nalgo plástico ou de cambio de "interface" de interacción coa obra, se non que ten profundísimas e trascendentais consecuencias a nivel de contido.
A fragmentación e a descomposición da obra como ente clauso, modelo narrativo occidental das súas orixes ata a aparición da proposta hipertextual é un fenómeno de consecuencias drásticas a nivel antropolóxico e cultural.
Por iso me resulta difícil admitir que o hipertexto sexa un xénero literario. Penso que os xéneros literarios, ou fílmicos, ou musicais, son xéneros formados por "textos", no senso de "texto" máis restrinxido, é dicir, un ente clauso e no que o lector reciba a obra, conformándoa, pero sen posibilidade de alterar o seu contido nin estrutura. O hipertexto, ademais, trascende o propio concepto de "literario", pois, dende a pantalla informática -como diciamos sobre o arte total de Wagner- pode empregar sincronicamente a palabra, o vídeo, o cine, a animación, o son, a música, o deseño gráfico, o deseño de interfaz, a escenografía, a poesía, a danza. Todo de golpe e na mesma obra.
Penso que o hipertexto establécese como un arquetivo categórico superestrutural á división de códigos artísticos clásica. Non podemos establecer ao hipertexto dentro das categorías tradicionais, non podemos estudar o hipertexto-literario, o hipertexto-fílmico, o hipertexto-musical.
Penso que establece unha categoría nova, allea a esta disivión e á vez abranguedora de todas, consagra unha división arquetípica entre obras que funcionen como "textos" -sexan filmes, novelas ou sinfonías- e obras que funcionen como "hipertextos" -empreguen imaxe, palabra ou sonido-
Para min non é un xénero literario. Máis ben é un novo xeito de comunicar e expresarse de xeito coral, se queres, e onde hai un papel activo do lector-autor.
É certo que non é doado definir o hipertexto aínda que existen unha serie de características propias (lector-autor, interactividade, historia interminable, mistura de sons, textos, imaxes, vídeo...).
É unha nova forma de comunicación que nace grazas, sobre todo, a Internet, e que se define claramente coa aparición dos blogs e doutras ferramentas similares. E de aí, expándese como modelo de comunicación.
Publicar un comentario